Thursday 02 de May de 2024

A delegación en Galicia da Real Liga Naval Española promove en Laxe unha conferencia sobre a Unidade de Buceo de Ferrol


● O Salón de Actos Culturais do Concello acolleu unha charla a cargo de D. Ángel Lozano Gálvez, Miguel San Claudio Santa Cruz e D. Fernando Molina.

● A actividade complementou a xornada de portas abertas para visitar o patrulleiro Tabarca da Armada Española.

Hoxe, o Salón de Actos Culturais do Concello de Laxe acolleu unha conferencia da Armada da Unidade de Buceo de Ferrol. O delegado en Galicia da Real Liga Naval Española, o laxense José Manuel Pato, foi o moderador desta cita que se levou a cabo aproveitando a escala do patrulleiro Tabarca no porto de Laxe, así como da unidade de buceo de Ferrol.

Na charla, que comezou pasadas as 17:30 horas, participou D. Ángel Lozano Gálvez, xefe da Unidade de Buceo da Armada, quen informou ao público sobre a Unidade de Buceo de Ferrol: o persoal que a compón, capacidades e principais misións, entre outros. Tamén tomaron a palabra Miguel San Claudio Santa Cruz, doutor en Arqueoloxía Subamarina e D. Fernando Molina, xefe da Unidade de Buceo.

Asistiron membros da corporación municipal así como o patrón maior da confraría.

Esta actividade desenvolveuse en paralelo a unha xornada de portas abertas para coñecer o Tabarca, con base en Marín e que exerce desde o ano 1981, previa solicitude por parte do Concello. As persoas interesadas en descubrir máis sobre o navío puideron achegarse ao mesmo de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.
Ao remate da conferencia as persoas relatoras e demais asistentes achegáronse ata o Museo do Mar de Laxe para coñecer un pouco máis do arquivo fotográfico Vidal, así como da cultura e historias do municipio e a Costa da Morte.